Tuesday 23 de April de 2024

O Concello retoma e pon en marcha novas obras de urbanismo e infraestruturas


A reactivación da construción permite que se continúen traballos paralizados polo estado de alarma seguindo todas as medidas de seguridade indicadas polo Ministerio de Sanidade

O Concello retomou esta semana a actividade en
numerosas obras da cidade. O concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Juan
Díaz Villoslada, anuncia a intención da súa concellería de retomar os traballos
pendentes en diferentes barrios da cidade e pór en marcha novos proxectos logo de
se reactivar a actividade en sectores non esenciais.

Villoslada sinala que todas as obras públicas que se reactivan “fano con todas as
medidas de seguridade e cos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias,
como o uso de máscaras e o mantemento da distancia de seguridade”.
“O Concello vixiará que as empresas cumpran as medidas de protección colectivas
e individuais”, indica. Ademais, incide na necesidade de proseguir cos traballos de
mantemento de servizos e na importancia de axilizar as licenzas urbanísticas co fin
de “axudar a reactivar a actividade económica na cidade, en termos de emprego e
mantemento das cadeas produtivas”.
Ao reinicio este mércores dos labores de urbanización no cruzamento da rolda de
Nelle, unense diversas obras que foron interrompidas nas últimas semanas debido
ao estado de alarma provocado polo Covid-19.
Na rolda de Nelle, iniciouse a fase de humanización desta vía da cidade, a cal inclúe
os traballos de pavimentación; pintar os novos cruzamentos; construír beirarrúas
máis anchas; habilitar o carril bici; e plantar árbores.

Nota de Prensa

Desenvolveranse os labores de remodelación da glorieta de Ramón y Cajal, que lles
afecta aos cruzamentos das rúas de Salgado Torres, Fernández Latorre e Pérez
Ardá. Desde a concellería, sinalan que se comezaron os traballos de construción do
carril bici na rúa Puga y Parga, na zona dos Catro Camiños, primeiro tramo da rolda
peonil que unirá cinco barrios da cidade. Como xa explicou en numerosas ocasións
o responsable de Urbanismo, “a cidade é das e dos peóns e as políticas de
mobilidade centraranse neles”.

A mellora urbana do tramo final da rúa Ramón Cabanillas, que se realiza con fondos
Eidus, a modernización da eficiencia enerxética no barrio do Castrillón, o
saneamento separativo da rúa Atenas, así como o mantemento de distintas áreas
peonís e calzadas súmanse á lista de obras que se reactivan.
Canto a novos proxectos, a concellería de Infraestruturas planea iniciar a ampliación
da zona de xogos e da zona acolchada na área infantil na praza Elíptica, no barrio
dos Rosales, un dos que contan con maior poboación infantil de toda a cidade. A
través deste proxecto seleccionado nos orzamentos participativos, o Goberno local
continúa co seu plan de modernizar os parque infantís. Coa reforma, o cemento
rodado substituirase por caucho e céspede artificial, e instalaranse novos xogos.
Outros dos traballos é subministrar e instalar unha área biosaudable nas vivendas
do Carmen, no barrio de Labañou, e ampliar a rede de fecais na rúa Correlo.
Por outra banda, a concellería informa de que están pendentes de seren
adxudicadas as obras de reforma da praza Concordia e a modernización da
iluminación pública na rolda de Outeiro, no tramo entre a avenida do Exército e a
avenida do Ferrocarril. Esta listaxe inclúe a urbanización das rúas Nosa Señora do
Rosario e Victoria Fernández de España (con fondos Eidus) e a mellora da zona de
aparcadoiro na praza de Isaac Díaz Pardo.